Concentración recortes de personal nos colexios da Coruña

MÉRCORES, 9 DE OUTUBRO, 11.00 H. CONCENTRACIÓN DIANTE DO EDIFICIO ADMINISTRATIVO DE MONELOS

¿Qué está pasando? Nas últimas semanas, a prensa vén recollendo novas de recortes de personal, especialmente de atención á diversidade, en colexios da Coruña e a súa área metropolitana. Fálase de polo menos trece escolas nas que non chegan os PTs, ALs e ATEs. Pero… ¿que é todo iso? AL é o mestre ou mestra especialista de Audición e Linguaxe. É a persoa encargada de previr, detectar e intervir nos trastornos e dificultades da comunicación: pronunciación, comprensión, conversa…. Poden ser dificultades máis severas como no caso das Necesidades Educativas Especiais ou dificultades máis puntuais que poida presentar calquera neno ou nena ao longo da súa educación. PT é o mestre ou mestra de Pedagoxía Terapéutica. É a persoa que se encarga de previr, detectar e intervir en trastornos e dificultades directamente relacionados cos procesos de aprendizaxe: atención, memoria, cálculo ou lectoescritura entre outros. De novo, estas dificultades poden ir asociadas a trastornos específicos de maior ou menor impacto ou producirse de forma aillada ao longo do proceso de desenvolvemento. ATE son as siglas para Auxiliar Técnico Educativo, o que normalmente se coñece como coidadores. As coidadoras e coidadores son profesionais que acompañan e axudan o alumnado con dificultades motrices, de alimentación e de control de esfínteres. Tras as primeiras mobilizacións de colexios e o seu impacto na prensa, a Xunta ten comunicado a algunhas das escolas afectadas solucións parciais á falta deste persoal. Segue habendo escolas a onde non se manda o persoal demandado e alí onde se está nomeando persoal é, ás veces, con menos horas das que se dispuña anteriormente. En ningún caso se garante a cobertura das necesidades. De feito, a moit@s deses profesor@s todavía non se incorporaron ao seu posto a día de hoxe. ¿Por que é un problema de todos e por que debería mobilizarme eu?

● Porque son recursos que calquera nena ou neno pode precisar nun determinado momento.

● Porque a falta de apoios fai que o desenvolvemento do aula sexa máis complicado, especialmente en aulas saturadas.

● Porque permitir que o alumnado con dificultades quede sen atención é ensinarlles a todos a abandonar a quen precisa axuda.

● Porque este curso eliminaron persoal de atención á diversidade, pero o curso que ben poderían eliminar mestres de primaria, de infantil, de idioma… ● Porque este ano son unhas escolas e, se non facemos nada, pode tocarlle a outras

● Porque xuntas e xuntos é o único xeito de lograr unha educación de calidade para todo o alumnado.

● Porque non podemos permitir que se recorte na educación dos nosos fillos e fillas.

DEREITOS, NON PARCHES!